Tuesday 14 de May de 2024

O BNG de Oleiros valora positivamente o proxecto da senda peonil e ciclista entre Naval e Canide


“É unha boa oportunidade para pular por unha mobilidade sustentábel e, ao mesmo tempo, polo respecto á natureza” (Iván Roca, concelleiro do BNG en Oleiros).

O pasado 14 de decembro publicouse no BOP da Coruña a aprobación inicial do proxecto da senda peonil entre Naval e Canide.

O BNG de Oleiros aplaude a iniciativa, que é coherente con dous dos eixos fundamentais na nosa política municipal: a mobilidade sustentábel e o respecto á natureza.

A MOBILIDADE é un dos maiores problemas e desafíos que Oleiros debe solucionar a moi curto prazo. Alén da absoluta primacía do transporte público colectivo, é prioritario o desenvolvemento de actuacións destinadas a incrementar o espazo orientado ao peón no espazo público e fomentar a mobilidade sustentábel en medios non motorizados (a pé e en bicicleta), que permitan conectar os puntos neurálxicos do municipio cunha continuidade real, e mellorar a interconexión entre todos os lugares do Concello.

Debemos crear unha rede de camiños peonís e ciclistas útil e apoiada na rede municipal, que permitan mellorar a comunicación entre os principais equipamentos, centros de atracción do municipio e os núcleos do concello, así como aos principais centros de traballo, fomentando así os desprazamentos a pé ou en bicicleta entre todos os grupos de idade.

Partindo pois desta prioridade, parabenizamos o remate da chamada senda costeira de Oleiros que agora culminaría na senda peonil e ciclista entre Naval e Canide, mais con moito coidado, precaución e reparos, vendo o que acontece noutras partes do Concello, nas que estas actuacións non se fan dende unha perspectiva conservacionista e de respecto ao medio ambiente.

O BNG ten como peza chave no seu programa a ampliación da extensión dos espazos naturais protexidos do concello (Monumento Natural), entre outros, ao bordo costeiro de Breixo e a declaración do bordo costeiro de Santa Cruz, da faixa costeira de Bastiagueiro Pequeno e da praia de Naval como ENIL (espazos naturais de interese local). Iso si, co acompañamento das medidas imprescindibles para unha xestión real que garanta a dita protección; todo o contrario do que acontece, por exemplo, na Costa de Dexo.

A faixa de costa (Naval-Canide) á cal vai afectar a construción das novas sendas descorre por zonas merecedoras da maior das proteccións. Esta zona, e malia estar entre dous núcleos moi poboados e cunha alta densidade de poboación mantense nun estado máis que aceitábel de conservación. Xa existen camiños e sendas tradicionais por onde pasean as veciñas. Polo que ideal é obrigado será cinguirnos exclusivamente a eses chamemos camiños tradicionais e previos, cun criterio claro de preservación dados os seus enormes valores, en moitos dos casos equiparábeis á Costa de Dexo e merecedora dunha similar protección. Débese actuar con sumo coidado e atendendo ao principio de intervención mínima, actuando contra construcións ilegais, mellorando os camiños e o patrimonio existentes como fontes, mais sen provocar unha pegada insostíbel cos valores da zona que debe seguir sendo unha zona exclusivamente NATURAL, non urbana. Non cómpren nin fortes investimentos nin agresividades absolutamente prescindíbeis, esta zona non pode ser tratada con criterios aplicábeis a un parque máis, cunha zona de grellas e demais elementos “recreativos” existentes noutros lugares máis acaídos para elo.

Dende o BNG apelamos pois a Costas, á Xunta da Galiza (Medio Ambiente), á Reserva da Biosfera, Deputación e ao propio Concello de Oleiros para que actúen co máximo rigor conservacionista e compatíbel co uso e desfrute de toda a cidadanía, da que a día de hoxe aínda podemos cualificar como xoia paisaxística oleirense. No BNG ficaremos atentas para que así sexa.